Sunday 28 de April de 2024

O cen por cento das toneladas de pneumáticos amoreadas en Fene serán valorizadas


A conselleira de Medio Ambiente avanza que cando finalice a retirada do material depositado en Fene se avaliará o estado dos terreos e se procederá a execución dos traballos do material das Somozas e A Laracha

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou que o cen por cento das case 900 toneladas de pneumáticos amoreadas en Fene serán valorizadas. Así o puxo de manifesto esta mañá durante a visita aos traballos de retirada que se veñen de iniciar esta semana.

Segundo explicou a conselleira en Fene trabállase “in situ” mediante unha planta móbil, que realiza un triturado e clasificación das diferentes fraccións valorizables que compoñen o pneumático: caucho, metal e fibras téxtiles. Os pneumáticos son residuos cun alto compoñente de material reutilizable, con novos usos como recheos de céspede artificial, solos de parques infantís, preparados para estradas, pantallas acústicas de redución de ruídos ou mesmo redutores de ondas.

Deste xeito, pódese proceder á valorización material (reciclaxe), cun envío mínimo dun 26,4% do recuperado e para a valoración enerxética enviarase o resto, para transformalo en en enerxía, seguindo as recomendacións incluídas na Directiva Marco de Residuos que recolle o tratamento a través da valorización.

A previsión que manexa a Consellería é que os traballos queden concluídos nun prazo máximo de tres semanas e –segundo adiantou Mato Otero- levarase a cabo unha avaliación do estado do chan, para determinar o estado dos terreos da antiga instalación na que está depositado este residuo “non perigoso”.

Asemade, a empresa adxudicataria do contrato iniciará os traballos de retirada nos outros dous puntos onde existen pneumáticos históricos: en A Laracha, onde hai inventariadas case 35.000 toneladas, e As Somozas con 100 toneladas. En total trataranse 35.945 toneladas de residuos de pneumáticos históricos nestes tres concellos, cun importe de adxudicación de 2,4 millóns de euros.

Tal e como explicou a conselleira, a decisión de iniciar os traballos por este punto debeuse o feito de que está máis preto dunha zona urbana, polo que garantir a seguridade é unha prioridade; nos próximos meses procederase a actuar nos outros dous emprazamentos, que están nun polígono industrial e vixiados por senllas empresas.

Actuación do Plan de residuos industrias
A conselleira de Medio Ambiente destacou que esta actuación forma parte da estratexia global do Goberno galego en materia de residuos, que persegue a implantación dun novo modelo máis sostible, facendo especial fincapé na prevención e na valorización de residuos.

Recordou que, aínda que estes traballos están incluídos no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 aprobado polo Consello da Xunta en decembro de 2016; o departamento que dirixe traballou para dar resposta a estes pneumáticos históricos antes da aprobación deste plan, pois a licitación do contrato ten data de 13 de maio.

Por último, defendeu que con este tipo de actuacións a Consellería fomenta a reciclaxe e a valorización dos residuos; ao tempo que da resposta e minimiza o impacto ambiental e o risco asociado á existencia de residuos históricos de pneumáticos sen tratar.